
O pasado sábado presentouse na Galería Sargadelos de Compostela o libro disco
"Pan de millo" de Migallas editado por Kalandraka.
Nós xa tivéramos ocasión de escoitalo con anterioridade, pero cómpre dicir que a posta en escena de María Campos e Carlos Yus lle dá un valor engadido que vai máis alá da súa presentación en público.
Penduradas polas paredes fermosas ilustracións de Dani Padrón, e repartidas pola sala elementos relacionados coa elaboración do pan de millo tratando de achegarlle aos pequenos tarefas tradicionais xa case descoñecidas para eles: a semente do millo, as espigas, cestas e canastros, hórreos, muíños de man, peneiras, artesas e a boroa cocida, que finalmente foi repartida entre os asistentes.
Os nenos e nenas cantaron, mimaron e bailaron con algunhas das cancións recollidas no CD, "Unha vella tiña un can", "Pan de millo", pechando, como non podía ser doutro xeito, con "Miña abuela Manuela", xa que logo, o libro vai dedicado "Aos vellos que coidan dos nenos e aos nenos que coidan dos vellos".