Nos pasados 10 e 11 de abril tiven a honra de formar parte do xurado do
VII Premio Compostela de Álbum ilustrado. Certamente foi un pracer e unha responsabilidade polo prestixio deste galardón que ano a ano se vai consolidando coma unha convocatoria referencial para todas aquelas persoas que se dedican tanto á creación como para todas as admiradoras deste formato editorial que cada vez vai gañando máis adeptos.
A día de hoxe o álbum ilustrado xa non só se concibe coma un produto dirixido ao público infantil e xuvenil, senón que, pola calidade das ilustracións, pola complexidade das temáticas abordadas, e pola necesidade de simultanear a lectura de texto e imaxe, conta con auténticos devotos adultos. Con todo, aínda con frecuencia se confunde o álbum ilustrado con outros tipos de publicacións como poden ser os libros de imaxes ou os libros ilustrados, e isto é algo que se fomenta tanto desde as mesmas editoriais coma desde a crítica porque saben que a lapela "álbum" confire un valor engadido. O álbum ilustrado é unha sorte de comuñón entre texto e imaxe que nos leva a pensar en literatura visual e en pintura que fala, sen descartar as súas calidades sinestésicas que poden aludir a sentidos coma o olfacto, o gusto ou o tacto.
Cando, nas anteriores edicións, asistía aos actos de entrega dos premios, sempre se me pasaba pola cabeza o marabilloso que podía ser ver todos os proxectos entregados, o que non podía contar é que nesta ocasión estaría nesas labores. Inicialmente custoume superar a miña visión de mestra de infantil que, por defecto profesional, me levar a mirar calquera material pensando nas súas posibilidades para as idades coas que adoito traballar. Neste caso, a experiencia do resto do xurado foi toda unha lección para min.
Foron 255 os traballos presentados, chegados de 21 países, algo que sen dúbida é unha satisfacción para os convocantes, o concello de Santiago de Compostela e maila editorial Kalandraka. E se ben foi traballoso escolmar unha ducia de seleccionados, máis complicado aínda foi chegar a determinar o gañador. Por fortuna o xurado estaba integrado por persoas con grande coñecemento, criterio e olfacto: Joao Vaz de Carvalho, ilustrador portugués, Fina Casalderrey, escritora galega; Manuela Rodríguez por parte da editorial Kalandraka, Xosé Manuel López-Abella polo Departamento de educación; María Castelao, concelleira de Compostela; e eu mesma.
É de xustiza recoñecer que iniciativas coma estas honran a unha cidade e a unha editorial, ningunha das dúas precisada de más proxección que a do seu compromiso coa contemporaneidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario