viernes, 28 de noviembre de 2014

Cactos de Nadal en macetas de autorrego




Artigo novo en InnovArte Educación Infantil

Cactos de Nadal en macetas de autorrego

by Ángeles Abelleira e Isabel Abelleira
Seguimos buscando solucións ao problema de rego das nosas plantas en períodos vacacionais. Así, amosamos nunha entrada anterior como optamos pola plantación de crasas ou suculentas, xa que logo, estas variedades teñen a calidade de almacenar auga que van liberando segundo as súas necesidades.

Daquela, preparáramos para enraizamento escallos do cactos de Nadal que nos trouxera un alumno. Agora, transcorridas varias semanas, comezan a vérselle raíces, polo cal consideramos que estaban listos para seren transplantados. Ademais, nalgúns destes "fillos" poden verse as flores; recordemos que se chaman cactos de Nadal porque florecen nestas datas.
Das nosas procuras na rede, tomamos unha idea que vimos no web La Bioguía (espazo moi recomendable): as macetas de autorrego feitas con botellas de plástico. O esquema é moi sinxelo: cada unha delas conta cun pequeno depósito de auga, do que a planta toma auga a través dun cordón de algodón que fai de condutor de humidade, así poden pasar meses sen ter a necesidade de regar estas plantas.
Explicada a proposta ao alumnado e valorada a súa pertinencia, elaboramos unha nota para solicitar botellas ás familias, xunto co esquema do uso que lles daríamos. Mesmo fixemos unha proba para comprobar se efectivamente o cordón lograba levar a auga e humedecer a terra. Preparámolas e dispuxémonos a levar a cabo todos os pasos precisos para a plantación. Tamén aproveitamos para plantar caroas de aguacate e mango, xa que teñen unha xerminación moi rápida e vistosa. Todo ilo, pasa para o noso "invernadoiro" (un espazo acristalado baixo a rampla que conecta o patio co primeiro andar do centro.

Tan só quedaba facer un seguimento do tempo que podía transcorrer sen ter que regar, para o que preparamos unha folla de control, unha por cada neno/a e maceta, na que en datas fixadas (cada 15 días en inverno), comprobaremos se aínda hai auga no depósito e se a terra permanece húmida.
Autorriego-cactus de Navidad
Como temos dito noutras ocasións, para nós, as plantacións na escola son a maneira máis acertada de amosar o ciclo vital das plantas, pero isto non debe supor grandes gastos, nin hai porque mercar plantas nin macetas nin terra, xa que logo hai alternativas máis sustentables, educativas e coherentes cos valores ambientais e relacionais, promovendo o feito de compartir e de saber esperar os tempos de cada cousa.
Comment    See all comments



No hay comentarios:

Publicar un comentario