martes, 1 de septiembre de 2015

InnovArte finalista autonómico para o Premio FAD




Artigo novo en InnovArte Educación Infantil

InnovArte finalista autonómico para o Premio FAD

by Ángeles Abelleira e Isabel Abelleira
logo
O día 22 de xullo recibimos a grata noticia de que o proxecto presentado por InnovArte Educación Infantil foi seleccionado como finalista autonómico para o Premio a la Acción Magistral 2015 convocado pola FAD (Fundación de Ayuda contra la Drogadicción), a Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO e BBVA, que ten como obxectivo galardoar e dar a coñecer proxectos de promoción de valores sociais realizados por docentes de centros educativos de Infantil, Primaria e Secundaria de toda España.
O Premio FAD que vai pola súa 11ª edición, nesta convocatoria engadiu unha nova categoría, a de Proxectos en Rede, pola que concorremos co título "(Re)conquistando el territorio de la infancia. InnovArte Educación Infantil: el valor de los pequeños gestos". Pensamos que era unha boa ocasión para expoñer aquilo que levamos seis anos defendendo, que non é outra cousa que entender que o traballo educativo sobre os valores sociais ten que ser a suma de un constante traballo diario dos pequenos xestos, por enriba das grandes accións "efemerizantes" que se fan con motivo da celebración dun día marcado no calendario escolar.
Unha vez pechado o prazo de presentación, en cada Comunidade Autónoma reúnese unha comisión conformada por representantes da FAD e persoas expertas en educación así como membros da administración educativa, quen seleccionan os proxectos que representarán a esa comunidade. Na segunda fase, a FAD reúne unha comisión nacional que escolmará un gañador por cada unha das tres categorías. Isto terá lugar no mes de setembro, porén temos que esperar. Malia todo, para nós xa é un logro pensar que o discurso InnovArte chega tan lonxe e ten tanta aceptación. En máis dunha ocasión tivemos a sensación de que íamos contracorrente, abonda botar unha ollada ás redes sociais nos "días especiais" nos que se conmemoran os distintos valores, para comprobar que parece que todo se reduce a iso, e logo xa non hai máis que facer. Unha da primeiras entradas de InnovArte, aló por xaneiro de 2010, xa trataba sobre esa cuestión, "Folclorización de las conmemoraciones escolares"; logo viñeron outras moitas nesa liña que se poden ler na categoría RebelArte unha das máis acariñadas por nós porque é onde volcamos toda a xenreira que nos produce esa "perversión do feito educativo". Pero InnovArte é moito máis ca un berro desesperado, é unha xanela na que mostramos a nosa maneira de facer. Así, cando criticamos algo, sempre amosamos alternativas que, ao noso entender, son máis coherentes cos principios educativos, cos intereses e coa formación dos nenos e nenas para a promoción de valores prosociais. Neste momento, tras seis anos de traballo e 1050 entradas, no blog, pódense atopar exemplos dabondo para lograr entender que a conciencia cidadá, social, medioambiental… ten que ser froito dun continuum no que non teñen cabida as incoherencias (que tan pronto detectan e nos reprochan os pequenos), malia que tratemos de saturarlle o entendemento cos fastos de celebracións que cada vez se asemellan máis a calquera outra cousa festiva que ao que deben ser.
Certamente, InnovArte é moito máis ca un proxecto escolar desenvolvido nas súas aulas por dúas mestras de dous centros educativos galegos, o CEIP A Maía e a EEI Milladoiro, trátase dunha acción educativa que se abre a milleiros de persoas (docentes, familias, educadores, estudantes, e outras moitas interesadas na formación dos máis novos); así o vén constatando a través da súa presenza no mundo virtual, así como en todas as accións formativas nas que é convidado a participar (cursos, congresos, xornadas, medios de comunicación e revistas especializadas). Recoñecementos como os premios Mestre Mateo 2011, Francisco Giner de los Ríos 2012, ou ser seleccionado para representar a España na Rede Iberoamericana de Educación Infantil, déronlle unha proxección ao blog coa que non podíamos contar no momento no que comezamos esta andaina.
Vaia por diante o noso agradecemento á comisión autonómica, porque, insistimos, para nós, xa é un recoñecemento de que o discurso InnovArte é compartido desde eidos tan senlleiros como son a propia administración educativa, a Universidade e institucións cuxa finalidade principal é a mellora educativa e promoción de valores prosociais.
Deixamos aquí a ligazón ao proxecto presentado e a un video no que condensamos o que é InnovArte, as súas constantes e porque entendemos que debemos Re(conquistar) o territorio da infancia.
Ángeles Abelleira e Isabel Abelleira | 22/07/2015 ás 07:42 | Categorías: PremiArte | URL: http://wp.me/pN3u5-2ad
Comment    See all comments



No hay comentarios:

Publicar un comentario