lunes, 1 de septiembre de 2014

Comezo de curso 2014: apostando pola seriedade e serenidade profesional





Ángeles Abelleira e Isabel Abelleira posted: "Luns 1 de setembro de 2014. Esperto cedo co desacougo que me acompaña cada inicio de curso desde que teño 5 anos. Vese que isto non se cura co tempo; tanto na infancia como nesta opción profesional parece que o ano novo arranca co comezo de curso académic"
Respond to this post by replying above this line

Artigo novo en InnovArte Educación Infantil

Comezo de curso 2014: apostando pola seriedade e serenidade profesional

by Ángeles Abelleira e Isabel Abelleira
spiral-jetty_1200
Luns 1 de setembro de 2014. Esperto cedo co desacougo que me acompaña cada inicio de curso desde que teño 5 anos. Vese que isto non se cura co tempo; tanto na infancia como nesta opción profesional parece que o ano novo arranca co comezo de curso académico.
Coa mala conciencia de ter estado desconectada (prensa, internet, medios de comunicación e mesmo compañeiras/as de profesión) ao longo destas semanas de vacacións, decido prender o ordenador e ver o que hai de novo. Tras unha hora e pico, xa atordada de tanta "información", apago computadora e luz. Case é máis san seguir fóra dese mundo. Trala volta polos espazos web habituais, revistas, Facebook e Twitter fago unha rápida clasificación deles:
-Hainos "hiperpuestos", están ao fío da última novidade, aplicación, gadched ou publicación con suposta utilidade nas aulas.
-Hainos "hiperfatalistas" e hipercríticos, nos que se apuntan con toda crueza os males da educación actual, ao tempo que apuntan posibles solucións particulares (interesadas) a esa desfeita.
-Hainos "hiperbuenistas", con esperanzada ñoñería nos efectos de frases e declaracións felices (descontextualizadas) de grandes pensadores.
-Hainos "hiperactivos", que ao ritmo das leis do mercado están abertos 24 h. ao día, 365 días ao ano, tratando de manter o seu nicho, de non perder cota de audiencia aínda a costa de meter de todo, mesmo mensaxes contraditorias entre elas mesmas ou cos principios e liña editorial do espazo en cuestión.
-Hainos "hipersalvadores", nos que a través dun tema concreto e parcial cren poder redimir a educación de todos os seus males (coaching, liderazgo, educación emocional, etc, etc, etc.).
Conclúo que a meirande parte deles non viron diante un neno cru na súa vida nin estiveron nun Claustro, ni lle dedicaron tempo ás titorías, reunións varias e outras actividades escolares. Vese que están ao seu. O malo de toda esta sobresaturación é que crean un ruído de fondo que nos chega a entolecer aos que temos que estar ano a ano, curso a curso, día a día, minuto a minuto, segundo a segundo dentro das escolas, cos nenos e nenas, cos pais e nais, cos compañeiros e compañeiras. Ata nos xeran malestar profesional porque nos falan dunhas irrealidades que non podemos compartir a meirande parte dos que nos dedicamos ao ensino. E o peor é que como moitos deles teñen tempo e medios, gozan dun certo predicamento que os leva a erixirse coma gurús educativos, seguidos polos mass media, polo tanto con penetración social. Así espallan a súa mensaxe equivocada, deformada, ou intencionada ao público en xeral, quen logo, sen máis afondamento, a reproduce, denuncia ou reivindica. Un "pelotazo" máis, coma todos os outros: interesado, pernicioso e prexudicial.
A miña irmán e máis eu ao longo do verán tocamos nun par de ocasións -moi de esguello- a cuestión da continuidade de InnovArte, tiñamos en contra tres razóns: non queremos incorrer nas perigosas derivas antes apuntadas; non cremos ter moito máis que dicir tras cinco cursos; e terceira, -non a máis importante-, suponnos moito tempo e traballo. Non tomamos aínda unha decisión, xa se verá se temos algo que dicir ou non. Xa se verá se lle somos de utilidade a alguén ou non. O que rogaríamos encarecidamente a todas aquelas persoas que nos seguen é que por favor non lle dean ao "Me gusta" compulsivamente, tan só se, trala lectura, realmente lle parece de interese, e que só "Compartan" a nosa opinión se realmente a comparten, non por manter a súa actividade nas redes sociais. O mesmo para todo o demais que circula pola rede relacionado coa educación. Todos e todas temos a nosa parte de responsabilidade na propagación e contaminación de "ruído educativo".
Tras estes pensamentos, encamiñámonos cara a escola, coa esperanza de que trala euforia do reencontro non teñamos que presenciar escenas nas que as grandes palabras coas que enchemos as diversas programacións (colaboración, benestar, traballo en equipo, valores, espírito crítico) non se vexan enturbadas por egoísmos, intereses particulares (ou dos grupúsculos de poder), pola imaxe de cara á galería ou por modas educativas totalmente efémeras.
Cos nosos mellores desexos, apostando, coma sempre pola profesionalidade, rigorosidade, seriedade e serenidade, bo inicio de curso para todas e para todos.
Ángeles Abelleira e Isabel Abelleira | 01/09/2014 ás 08:25 | Categorías: RebelArte | URL: http://wp.me/pN3u5-21r
Comment    See all comments



No hay comentarios:

Publicar un comentario