Unha das grandes satisfaccións que nos dá o blog é a de poñernos en contacto con xente que, aínda que xeográficamente distante, moi próxima nas visións sobre a infancia. Así fomos convidadas a un foro que deixou unha moi grata pegada en nós. No mes de novembro alá fomos a Vitoria-Gasteiz a participar no programa
Ikusi Makusi de KunArte, o Centro de Innovación Artística y pequeña infancia un proxecto abeirado ao Teatro Paraíso, unha iniciativa que cómpre difundir, tanto pola súa orixe e motivación coma pola súa traxectoria e labor que desenvolven na actualidade, que os fixo merecedores de moi prestixiosos premios e galardóns ao longo dos 38 anos que levan traballando polo teatro.
Unha visita ao
web de Teatro Paraíso xa nos dá unha idea do proxecto global que realizan, destinado tanto á representación de obras de moi alta calidade, como á educación-formación de espectadores (nenos/as, familias e educadores). Isto, xunto coa conversa telefónica que mantivemos con Pilar, e a asistencia á representación da obra "
Nómadas" na Coruña, fixo que desde o primeiro momento nos entusiasmáramos coa proposta dunha "charla en familia" na marabillosa casiña que teñen en Abetxuko Pueblo, na que a cada paso que dabamos, sacábamos unha nova idea inspiradora de cada un dos recunchos e espazos.
Nós tiñamos o encargo de falar sobre como introducimos a Arte nas nosas aulas a través das pequenas cousas, así fixemos unha presentación dalgunha das experiencias publicadas en InnovArte, e, por suxestión das nosas anfitrioas, rematamos cun "
remake" da intervención "
As chaves están en infantil". Isto foi o de menos, porque o magnífico desa fin de semana foi coñecer
in situ o bo facer de KunArte, coincidindo co Festival Internacional de Teatro infantil de Vitoria-Gasteiz. Asistir a representacións como a da
compañía Teloncillo Teatro, dirixidas a pequenos e ás súas familias, cunha exquisita posta en escena e trato co público, fixo que eleváramos moito os nosos criterios de valoración dunha representación teatral infantil.
Partillar sobre a educación na artes, sobre a vida ou sobre o que nos apaixona a cadaquén e vivir momentos tan agradables nunha fermosísima "cidade verde", farán que manteñamos un gran recordo dunha iniciativa tan senlleira como é KunArte. Grazas mil a
todo o equipo, mil grazas a Pilar, Rosa, Elena, Irene, Ana e Tomás, seguide dándonos tantos froitos do voso proxecto de xuventude.
No hay comentarios:
Publicar un comentario