No mes de xullo tivemos ocasión de presentar InnovArte Educación Infantil no curso de verán que organiza conxuntamente o
Ministerio de Educación coa Universidade Internacional Menéndez Pelayo na sede de A Coruña. Tratábase da actividade formativa "
Aprendizaje creativo e innovación docente" dirixido por César Bona e Mar Jimenez, no que quixeron presentarlle aos asistentes algunhas das experiencias que se desenvolven en distintos centros do territorio estatal que teñen como denominador común a procura dun novo modo de achegarse ao alumnado colocándoo no centro da acción educativa e facéndoo protagonista do seu proceso de aprendizaxe.
Para nós foi un auténtico luxo "compartir cartel" con representantes de experiencias escolares senlleiras como son os centros
Amara Berri ou
Ashoka -as escolas changemaker -considerados entre os máis innovadores do país-, e con responsables do centro galego CEIP Francisco Vales Villamarín de Betanzos, recente gañador do premio nacional de educación inclusiva. Non se esqueceeron tampouco das iniciativas de escolas pequenas, moito menos coñecidas que as anteriores, pero que grazas ao pulo de docentes entusiastas realizan unha labor tan innovadora, así entramos na xanela máxica de
Domingo Santabárbara que nos cargou as pilas a todos os asistentes coas súas experiencias "frikis"coa tecnoloxía; ou do proxecto dos protectores planetarios de Juan Antonio Rodríguez Bueno. O programa completouse con conferencias como a da profesora universitaria
María Acaso que fixo toda unha declaración de intencións baixo o título: "
Prometo no utilizar dos veces la misma unidad didáctica", complementada por Eva Morales, ou a de Francisco Javier Estella Rabal que nos ensinou a iniciar o uso do cine nas escolas así como a realizar curtametraxes. O curso iniciouso cunha videoconferencia de Guillem Ferrer Reynes -un personaxe que non coñecíamos pero que hai que coñecer así como a súa web
Poc a poc- iniciador dun movemento en Mallorca co que pretenden inspirar, implusar e crear accións locais para o coidado da Terra, da alma e da sociedade cun activismo de servizo que integra ecoloxía, espiritualidade, economía da felicidade e a educación nunha atmósfera de espíritu libre e de servizo á comunidade.
Nós, InnovArte Educación Infantil, impartimos a nosa conferencia sobre o que se converteu no
leit motiv do blog, a defensa do patrimonio dos nenos e das nenas, a súa infancia, que cada vez se está vendo máis mermada, en tempo e en calidadade de experiencias, por causas que proceden tanto do contexto social, do familiar e do académico. Expuxemos a nosa firme crenza no valor dos pequenos xestos e do compromiso "real" de todos coa mellora da calidade da atención á infancia sen estar esta mediada por intereses mercantilistas e/ou alleos aos nenos, e sen confundir tampouco os ámbitos asistenciais, educativos e do lecer, malia que hai unha liña moi delgada que os separa.
César Bona, pechou o ciclo formativo presencial dunha semana coa súa visión dos retos e desafíos cos que se atopan os docentes hoxe en día. Por non extendernos demasiado, deixamosvos unha ligazón a
un artigo que escribimos sobre el para RELAdEI pola profunda impresión que nos deixou.
Na nosa xeira formativa, tan só nunha ocasión tivemos ocasión de participar nun curso de verán da UIMP en Santander, pero tanto daquela como nesta edición de A Coruña, a organización, o trato dispensado e a calidade dos conferenciantes, fan que teñamos unha moi elevada opinión sobre esta modalidade de formación, que se desenvolve en épocas non lectivas de modo intensivo ao longo dunha semana, sendo tan proveitoso o programa establecido como a oportunidade que nos brindan de estar en contacto con outros docentes e profesionais propiciando intercambios que nos enriquecen en todas as facetas, tanto persoais coma profesionais. Coma sempre contan cunha fase presencial e logo cunha de traballo que se prolonga ao longo dun trimestre, vendo así a posibilidade de implementar o aprendido no propio contexto escolar, sendo titorizados por algún dos conferenciantes ou coordinadores do curso.Cremos que esta opción formativa é case un premio para todos os participantes, algo que todos deberíamos probar nalgunha ocasión, polo que aconsellamos estar ao tanto das convocatorias anuais que publican no web do Ministerio de Educación.
Coma sempre, detrás dunha grande iniciativa, cómpre recoñecer o traballo silente de quen o organiza, neste caso, vai desde aquí todo o noso agradecemento a Beatriz Fernández Pazos e Mar Jiménez, dúas docentes, arestora, persoal da administración educativa do Ministerio, que nos levan a pensar que, afortunadamente hai grandes profesionais en todos os eidos, que dun xeito ou outro fan o posible por elevar a calidade educativa, dando o mellor de si mesmas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario