miércoles, 27 de mayo de 2015

Admiradores de nubes




Artigo novo en InnovArte Educación Infantil

Admiradores de nubes

by Ángeles Abelleira e Isabel Abelleira

O pasado verán, unha amiga que ben nos quer (a nós e a InnovArte) trouxonos como agasallo do Museo Magritte de Bruxelas, unha publicación inspiradora  "Imagine dans les nuages" de Cécile Gabriel en Mila éditions; un libro de imaxes de ceos con nubes, que se prestan a deixar voar a imaxinación.
Desde aquela estivemos dándolle voltas ao que poderíamos facer coas nubes. Vimos ducias de actividades plásticas, pero finalmente acabamos decantándonos pola opción máis sinxela: deitarnos na herba e tan só mirar as nubes. Isto tamén merece unha reflexión, porque as mestras parece que lle temos que buscar o lado didáctico-productivo a todo o que facemos: se lemos un conto hai que facer un debuxo ou un resumo, se imos a unha visita hai que facer unha redacción …, de tal modo que acabamos pervertendo e confundindo obxectivos tan elevados, líricos e artísticos como poden ser gozar escoitando as olas do mar ou os paxaros, mirando o ceo ou ulindo unha paisaxe. O básico, o elemental, o sinxelo, sen máis adobíos, ben feito como unha actividade pracenteira, pode producir tantos máis beneficios -á persoa e á creatividade- ca calquera outra actividade moito máis historiada.
A nosa amiga, tamén nos facilitou información sobre Asociación ibérica de observadores de nubes que casualmente se xuntaron no mes de setembro en Sarria (Lugo) co ánimo de compartir os seus coñecementos sobre as nubes, como atopalas, fotografalas ou observalas. Non sabíamos da existencia desta sociedade, pero pareceunos ben interesante.
Tamén paga a pena entrar no web de The cloud apreciation society e botarlle unha ollada ás súas galerías de imaxes de nubes clasificadas por tipoloxías, polas cousas ás que semellan, as súas favoritas, etc. Tamén teñen o apartado "As nubes na arte" na que podemos ver obras plásticas nas que as nubes teñen un especial protagonismo, o de "Vídeos de nubes", con gravacións espectaculares, e o de "Nubes na poesía", cunha boa escolma, malia que toda ela en inglés.
Certamente a admiración das nubes podería dar lugar a un gran número de actividades que de seguro se lle están a ocorrer a quen nos está lendo, agora ben, poida que nesta recta final de curso, co adianto da calor do verán, o mellor que podemos facer polo noso alumnado e ensinarlles a recrearse coa beleza que nos brinda de balde a natureza e na que moitas veces nin reparamos. Deitados cunha soa consigna, deben dicir "A min paréceme …", evitando a visións únicas, xa que logo, en algo tan subxectivo como é a percepción non valen as afirmacións tallantes como "É un dragón" ou "Esa nube é un crocodilo". Tan só iso: creatividade, serenidade e respecto, pouco máis lle pode pedir a unha sesión educativa.
Comment    See all comments



No hay comentarios:

Publicar un comentario