Ao longo dos tres anos que permanecemos cun grupo, temos por costume establecerlle distintos puntos polos que eles mesmos iran constatando as súas medras. Así temos na aula un panel con cintas métricas, unha por cada neno ou nena, no que anotamos os cambios que se producen na altura, e outro para evidenciar os cambios no peso. Pero sempre lles dicimos que as medras se notan noutros moitos aspectos: na fala, na autonomía, na capacidade de relacionarse, etc, malia que iso sexan cousas que non podemos medir cun metro. Polo de agora, tratándose pequenos de tres anos, imos establecendo esas rutinas que nos acompañarán en toda a etapa da súa escolaridade en infantil.
Non adoitamos prestarlle moita atención ás medras dos pés, malia que aí se notan moito os cambios, así que este ano decidimos facelo, pero queríamos que fose dun modo que nos permitise velas individualmente e con respecto ao grupo.
Tras moitas voltas iniciais facendo a contorna dos pés, comparando coas dos compañeiros, e pensando como evidenciar as medras de cada un, tras moito buscar na rede información sobre como medir os pés, finalmente demos cunha maneira de facelo e expoñelo da que estamos bastante satisfeitos.
Cando comezamos, fixémoslle a contorna a todos e aproveitando que estaban descalzos, mirábamos o número que indicaba o zapato e anotabámolo. Rematadas todas as plantillas, xuntámolas e decatámonos de que non había grandes diferenzas, o que nos levou a pensar que ás veces, o tamaño do pé non se corresponde exactamente co número do calzado, e por suposto, tampouco coa contorna dese zapatón ou bota. Falamos cunha nai que ten unha zapatería que nos deixou unha plantilla que ten as medidas en centímetros e máis na talla estándar europea. Pero o mellor foi cando unha compañeira mestra nos trouxo uns medidores de pés. Aí xa establecemos claramente a medida de cada un, tanto calzados coma descalzos.
Agora había que pensar en como rexistrábamos os cambios de modo que fosen moi evidentes para eles.
Pedímoslle ás familias que anotasen sobre unha plantilla que lles facilitamos, a medida do pé dos seus fillos ao nacer, cando tiñan un ano, dous e tres. Houbo hasta quen nos mandou a pegada en escaiola feita aos poucos días de nacer, e tamén houbo quen nos mandou patucos ou zapatiños de cando eran moito más pequenos.
Coa medida do pé de cada ano fixemos unha contorna en acetato de cor, unha por cada ano (1, 2, 3), colocámola sobre unha folla de acetato transparente na que fotocopiamos as medidas estandar, así unha vez que se superpoñen, pódese ver con claridade como lle medrou o pé.
Entanto, buscamos información sobre as razón polas que medraban os pés, a que se debían, se tan só medraban as dedas, as unllas, ou que era, o que nos levou a todo tipo de hipóteses. Tamén falamos da correspondencia entre altura/anos/medida dos pés.
Chegou un momento no que había que saber máis desta parte tan importante do noso corpo. O primeiro que fixemos, foi ir a verlle os pés a Pepe, o esqueleto da biblioteca. Aí quedaron pampos da cantidade de ósos que tiñan os pés. Tamén lle tomamos a medida a Pepe.
En todas as nosas procuras de información, descubrimos o libro "Teño uns pés perfectos" de María Solar, que nos permitiu saber moitas máis cousas.
Agora, temos expostas na cristaleira todas as medras dos nosos pés, porque así, coa entrada de luz, vense moito mellor. Permanecerán aí ata que se vaian da escola, daquela, levaranas coma recordo das súas medras, xunto coas cintas métricas das medras de altura e peso. Farémoslle unha caixa especial nas que garden as medras en infantil. Pero aínda queda moito para iso. Mentres tanto, cada vez que un neno ou nena está de aniversario -entre outras moitos rituais que realizamos e que xa contamos nunha entrada anterior-, tomámoslle a medida do pé.
Di María Solar en "Teño uns pés perfectos", que Melchor Sabichón podía ser o neno máis listo do planeta, sabía de dinosauros, de estrelas e de planetas, de case todo, menos dos seus pés. Porque, "Ás veces, un preocúpase só de saber sobre temas e asuntos afastados e esquece a importancia que teñen as cousas que están moi, moi preto".
Nós así o pensamos, emporiso, quixemos dedicarlle un tempo a coñecer as medras que se producen no seu corpo, neste caso, nos pés.
No hay comentarios:
Publicar un comentario