Que é o que fai que un poema lle guste aos cativos? Pregunta complexa con resposta difícil que supoñemos se farán todos aqueles que dun xeito ou doutro queren achegar os pequenos á poesía, quen a escribe, quen a edita, quen a vende, quen a merca e quen a escolma. As temáticas, a linguaxe empregada, a rima, as relacións que se establecen entre os protagonistas, o momento no que se lle presente …, son algúns dos elementos determinantes, pero, con todo, aínda na súa medida xusta, hai obras nas que todo iso logra un conxunto harmonioso e noutras non lles toca a sensibilidade aos nenos.
Son moitos os libros de poesía infantil os que se publican e poucos os que quedan preto para botar man deles en calquera ocasión.
Nós, temos nos andeis da clase, desde o mes de setembro, "
As señoras cousas" de
Helena Villar Janeiro porque sempre pode ser un bo momento para ler un dos seus poemas que nos falan do sabor da auga, dun trono que vai de voda, da neve morna, do castelo da chuvia, da cabeleira do mar, da maleta da andoriña ou da vasoira do vento. Como se pode intuír, falando do de sempre, o que varía é a mirada sobre as cousas. Helena Villar, fixa a súa atención nese punto lírico que ten o cotiá, o rutineiro. Ben se lle nota toda a súa traxectoria de creación literaria, o dominio da vertente irreverente da que tanto gusta a cativada, e por riba de todo, nótaselle que é unha avoa que quere engaiolar coas palabras á súa netiña Helena, que xa anda coas cousas.
Para abrir boca, deixámosvos unha boa mostra do que estamos a dicir, un poema que nos fala de como as señoras cousas e os señores nomes andan sempre xuntos de día e de noite.
"As señoras cousas" está publicado en editorial Galaxia, acompañando os poemas de Helena Villar Janeiro coas ilustracións inconfundibles de Mª Fe Quesada.
No hay comentarios:
Publicar un comentario