As ideas sempre xorden da suma doutras ideas, así a raíz de que queríamos facer unha saída didáctica co noso alumnado a unha campa preto do centro para celebrar a chegada do bo tempo e o rexurdir pre-primaveral da natureza, e das propostas de cara ao
Día Mundial da Poesía para o vindeiro 21 de marzo, acordamos facer algo conxunto.
Nestes días de lectura de poemas dedicados aos nenos, ao sol, ao ceo, ou a ledicia primaveral, dános mágoa que non estean ao acceso de todo o mundo, emporiso, ao modo do
bookcrossing, decidimos liberar poemas. Para ilo, fixemos unha escolma dalgunha das nosas preferidas, en galego ou en calquera lingua de acordo coa decisión da UNESCO, que ten como principal obxectivo desta acción “
soster a diversidade dos idiomas a través da expresión poética e darlle aos que están ameazados a posibilidade de expresarse nas súas comunidades.”
Imprimímolos e, pola outra cara da folla, explicamos a razón de ser da nosa iniciativa, pedíndolle a quen o atope e goce con el que o deixe noutro sitio ao alcance doutras persoas para que tamén poidan lelos.
Nesta ligazón podedes ver a nosa selección para usala, modificala, ampliala e compartila coma nós, para que todo o mundo teña acceso a unha poesía que lle alede o día.
50 Poemas para liberar
Saímos á rúa e onde consideramos deixamos un poema. Agora quen o atope pode lelo e deixalo noutro sitio, así como mandarnos unha fotografía para que nós saibamos dos movementos de cada un deles. Isto foi unha primeira proba. O propio Día da Poesía, cada neno e nena levará un destes folletos e, coa axuda dos seus pais, liberarán poemas por todo o pobo: nas tendas, nos portais, nos parques, no mercado, nas instalacións deportivas. Onde haxa xente debe haber un poema liberado dun libro, deixado ao ar para que poida aledarlle o día a alguén.
Na procura de poemas, basicamente botamos man de dúas fontes magníficas:
-a Antoloxía “Os nosos versos”, a cargo de Antonio García Teijeiro, publicada en Xerais no 2011.
Na nosa escolma poden botarse a faltar moitos poetas, moitas poetisas, moitos poemas e moitas linguas. Nós, para quen o queira cedemos o traballo inicial que pode ser mellorado e enriquecido por calquera, e agradeceríamos nos fixerades chegar os vosos preferidos.
Na última diapositiva incluímos o “
Credo poético” de Antonio Gómez Yebra, para completar ese día da Poesía.
No hay comentarios:
Publicar un comentario